Tuesday 14 de May de 2024

O Goberno local amosa o seu total respaldo os traballadores de Isowat


 

A rexedora comprometeuse a traballar co Estado e a Xunta na procura dunha solución que garanta os postos de traballo e a produción na factoría coruñesa

A alcaldesa, Inés Rey, reuniuse esta mañá co comité de empresa de Isowat para informarse da situación actual do persoal da factoría coruñesa dedicada ao deseño e fabricación de compoñentes eléctricos e situada na Grela.

A alcaldesa amosou a súa preocupación pola difícil situación que atravesan os traballadores, e ofreceulles o seu total apoio na defensa da continuidade da planta de Isowat na Coruña.

Os empregados de Isowat na Coruña expresáronlle á rexedora a súa preocupación pola tardanza en garantir a continuidade da planta da Coruña, que continúa recibindo pedidos de clientes importantes.

Inés Rey sinalou que o goberno local respaldará as acción dos sindicatos para defender os empregos e garantir o futuro dunha empresa do sector industrial que xera actividade económica e empregos de calidade na cidade.

Tamén lles trasladou o compromiso do goberno municipal coa defensa do sector industrial. ”Queremos que a industria sexa un eixo vertebrador de riqueza para a cidade”, apuntou durante a reunión co comité.